Exhibición da selección de Moscú no IV Memorial Alexander Kachelaev

Varios campións de España dominaron nas categorías U15 e U17 do evento internacional de loitas olímpicas celebrado en Sanxenxo

O Memorial Alexander Kachelaev de loitas olímpicas deu un salto de nivel na súa cuarta edición. A cita que rende tributo na súa vila adoptiva, en Sanxenxo, a quen foi durante 30 anos técnico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e seleccionador de Galicia, ofreceu dúas intensas xornadas nas que participaron 26 equipos españois xunto a competidores estranxeiros chegados dende Ucraína, Moscova, Romanía, Portugal e Francia. Un evento internacional do máximo nivel, con grandes deportistas e unha exquisita calidade nalgunhas categorías de idade e peso.

A Federación Galega de Loita e D.A. congregou entre loitadores, técnicos e árbitros a máis de 500 persoas durante esta fin de semana no pavillón de Baltar. Un dato que dende a organización se considera como todo un éxito e que foi posible grazas á axuda institucional da Deputación de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo. Tamén cabe destacar a implicación dos clubs participantes, así como o traballo efectuado polo Colexio Galego de Árbitros, encargado de dirixir os combates sobre catro tapices oficiais.

U15 e U17

O programa de competición arrancou na matinal do sábado coas categorías U15 e U17, grupos de idade que puxeron de manifesto que son a remuda xeracional nas loitas olímpicas. Con puntos en xogo para o Ranking Nacional, en U15 sobresaíu a campioa de España en Loita Feminina. A madrileña Luna Sánchez González (Alcorcón) levouse a medalla de ouro en -54 kg. Na especialidade de libre olímpica, o subcampión estatal Bruno Pintos López impúxose en -57 kg. Por equipos, o Keltoi Cruces dominou por diante do Loita Pontevedra -segundo clasificado- e o Loitas Olímpicas de Vilalba -terceiro-.

En canto á categoría U17, o campión de España en -71 kg, o balear Lucas Lazareno, amosouse intratable do mesmo xeito que o navarro Asier Olza (Burlada) en -55 kg. Entre os medallistas destacaron loitadores como o portugués Dinis Silva (Martim), que completaron unha boa actuación, pero non puideron superar aos campións de España. Na Loita Feminina, regresou a escena logo de superar unha lesión de xeonllo África García (Keltoi Cruces) e a medallista estatal subiu ao máis alto do podio en -57 kg. O seu club colleitou unha nova vitoria por equipos, co San Ignacio de Vigo acadando a segunda posición e o Burlada navarro, a terceira.

 

Sénior

A sesión do sábado pola tarde tivo como protagonistas ás loitadoras e loitadores da categoría Sénior. Na súa primeira visita a España, a Selección de Moscova exhibiu o seu talento despois dunha semana de adestramentos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra. Os compatriotas do homenaxeado Alexander Kachelaev protagonizaron un monólogo no que contaron cada unha das súas participacións cunha medalla de ouro.

Sofía Bulbona (-62kg), Evangelina Berezhnova (-68kg) e Inna Trazhukova (-76kg) estiveron intratables. Outra das gañadoras na Loita Feminina foi a aragonesa Candela González, actual campioa de España, vencendo en -53 kg.

En Loita Libre Olímpica, o ucraíno Oleksii Shadiuka adxudicouse o ouro en -70 kg. Un dos mellores combates da xornada púidose desfrutar en -125 kg co mellor loitador español da historia, Jose Cuba Vázquez (Vilalba), cedendo nunha vibrante final ante Ivan Smirnos (Moscova).

A Loita Grecorromana tivo como gran estrela, sen discusión, ao campión do mundo U17 e U20. Mijail Shkarin (Moscova), que arrasou en -87 kg. Por outra banda, o seu compañeiro de selección Adam Ulbashev colgouse o ouro en -67 kg sen dar ningún tipo de opción aos seus adversarios. Unha nova vitoria ao seu palmarés tamén engadiu en -77 kg Gonzalo Caparrós (Atila de Ourense), vixente campión de España. A táboa por equipos encabezouna a Selección de Moscova, rematando na segunda praza o San Ignacio de Vigo e na terceira, o Loita Pontevedra.

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email